O Centro de Negocios Galicia Europa achégase ás emprendedoras galegas a través dun seminario sobre a iniciativa empresarial entre mulleres.

O seminario serviu de foro para analizar un conxunto de iniciativas desenvolvidas por emprendedoras de Galicia así como para dar a coñecer a perspectiva comunitaria en materia de igualdade de xénero.

O evento completouse coa inauguración da exposición «Pioneiras. Mulleres empresarias galegas» promovida polo Servizo Galego de Igualdade, que rende homenaxe ás primeiras empresarias galegas e permanecerá ata o 21 de outubro na sede da FGE.

As empresarias presentes coincidiron en salientar o acceso ao financiamento e a conciliación laboral como dous dos principais retos a acadar.

Bruxelas, 15 de outubro de 2008.- A Fundación Galicia Europa acolleu esta mañá na súa sede de Bruxelas o seminario «Potenciando a iniciativa empresarial entre as mulleres europeas: a experiencia das emprendedoras galegas», organizado conxuntamente co Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia e que contou coa presenza dunha nutrida representación de empresarias galegas. O acto que se abriu coas palabras de benvida de Ana Ramos, directora da FGE en Bruxelas, serviu para poñer en común os diferentes casos prácticos na creación empresarial a través dos testemuños das mulleres galegas así como, polo lado comunitario, dar a coñecer a acción da UE no eido da igualdade de xénero e do fomento do espírito empresarial a través da educación.

O evento que se clausurou coa inauguración da exposición «Pioneiras. Mulleres empresarias galegas» a cargo da directora xeral do SGI, Ana Luísa Bouza, funcionou tamén como foro de encontro entre as empresarias galegas e o Centro de Negocios Galicia Europa co fin de estudar as posibilidades de apertura dos seus negocios aos mercados europeos, a través do apoio do CDN. As 16 empresarias galegas asistirán estes días en Bruxelas ao Congreso Mundial de Empresarias no marco do proxecto EMEGA desenvolvido polo Servizo Galego de Igualdade e financiado polo Fondo Social Europeo.

Os casos galegos

Isabel Iglesias, presidenta da Federación de Empresarias de Galicia (FEGA), cedeu a palabra ás empresarias galegas presentes que aproveitaron a ocasión para explicar en primeira persoa as súas experiencias particulares. A pesares da diferencias no tocante ao tipo de empresa, ao ámbito ou ao mercado o que se dirixen, todas as participantes coincidiron en salientar a importancia de acadar unha verdadeira conciliación laboral e en sinalar o acceso á financiación como un dos principais obstáculos á hora de poñer en marcha una idea.


Publicación original: enPalabras

Be Sociable, Share!

Comments are closed.